24/10/10

Viaxe a Grecia

Coma o ano pasado por estas datas comezamos a planificar a nosa viaxe anual. Esta ano queremos volver a tentar o noso máximo obxectivo, xa que o ano pasado non foi posible e nos tivemos que conformar cunha viaxe pola Tarraconensis, visitando Tarragona, Valencia e Sagunt, que non estivo nada mal.
Este ano parece que hai un grupiño ben disposto e con moitas ganas, só falta que os deuses axuden para levar a cabo a nosa visita a Grecia. Olla o noso plan provisional e o plan detallado, no enlace da última diapositiva e anímate, imos empezar pronto a traballar.

29/09/10

COMEZANDO O CURSO CON MOITO ÁNIMO

Por fin nos desperezamos e comezamos a nosa actividade en Aspasia. Este ano estamos encantados porque somos un montón, unha boa nova nestes tempos que corren.
Como di Ana, unha admirada e querida profe grego, a situación dos profes de clásicas é difícil, dado que só vivimos de optativas e se fallamos as alumnas e alumnos escollen as nosas materias. Algúns, a pesares da sorte que é ter un traballo estable, temos a sensación termos gañar o pan día a día sen baixar nunca a garda, facendo todo tipo de actividades para non perder alumnado. Ata o de agora imos tendo sorte, pero ata cando nos van favorecer os deuses olímpicos? e, o que é peor, aturaremos o ritmo frenético de actividade ata os 67 anos? Ata o de agora fumos tendo sorte, pero incerto é o destino...
O noso récord é a cultura clásica de 3º de ESO, na que se matricularon 40 alumnos/as, repartidos en dous grupos, un a cargo do departamento de latín e outro a cargo do de grego. Parece que axudaron os deuses do Olimpo e tamén algo as gardas en 2º de ESO con películas relacionadas coa cultura clásica, os proxectos de viaxe... É un curso moi prometedor, xa que varias rapazas e rapaces son voraces lectoras e xa leron adaptacións da Odisea, cómics das Aventuras de Ulises e outros libros de mitoloxía que temos na biblioteca. Ademais temos a sorte de ter unha das nosas horas de clase na aula de infomática, polo que poderemos traballar no blog e con outros recurso Tics.
En 4º de ESO só hai sete alumnos de cultura clásica,pero con moitas ganas de aprender. Máis que un inconvinte, ser pouquiños é perfecto para traballar en equipo. Seguro que as tres horas semanais dan para moito. En 4º de ESO hai, ademais, dous grupos de latín de 19 e 7 alumnos cada un.
En 1º de BAC este ano matriculáronse 19 alumnos en latín e grego, formando un grupo completo coa opción de humanidades, coa profe de grego como titora (ídevos preparando...)
En 2º BAC só se matricularon 3 alumnas en grego II, e 6 en latín II. Certo é que estas tres alumnas (As Ttres Gracias) son do mellorciño e seguramente terán uns magníficos resultados dadas as súas ganas de traballar. As clases van ser no departamento de grego e seguro que estaremos comodísimas con todo o material tan a man.
E xa só nos queda poñer as pilas e empezar a traballar en serio. Non esquezamos que a partir da segunda quincena de outubro comezamos a organizar a viaxe a Grecia, a ver si este ano vai (e senón, tampouco está mal Valencia, Andalucía, Extremadura, Cataluña... e por suposto Galicia. Preguntádelle aos de outros anos).

29/06/10

A ODISEA NUNHA IMAXE


Se unha imaxe vale máis que mil palabras, aquí podemos ver un magnífico resumo dos miles de versos da Odisea de Homero. César Fdez, o autor do debuxo, cursa 2º de Primaria no CEIP A Barquiña, de Noia (A Coruña) e será, supoñemos, un futuro alumno de cultura clásica nalgún instituto de Noia. Ademais da pintura, a César encántalle a mitoloxía clásica e aos seus oito anos coñece moitas historias e mitos con detalles que non saben os maiores.
Velaí este debuxo, que aínda que se titula "La Ilíada y La Odisea", refírese a Odisea. Por si nos pasa como ao autor do Principiño que facía debuxos que os maiores non entendían, explicamos algún pequeno detalle. O Cíclope á esquerda e Odiseo en pe no seu barco, aguantando coma un campeón o canto das sereas, non necesitan moita explicación (nótese que as Sereas adquiren forma de diferentes aves e seres alados). Seguramente a resistencia de Odiseo explícase polo seu pensamento, recorda a Penélope e Telémaco e no medio pululan tamén os recordos de Circe (frasco de pócima e variña máxica) e de Calipso (flocos dourados, que seguramente formaban parte dalgún fabuloso vestido seu). Un pouco máis á dereita, enriba dunha onda, temos a Ino ou Leucotea que co seu velo salvou ao noso heroe de non morrer afogado na tempestade que provocou Poseidón cando marchou da illa de Calipso. Enriba do monte pace tranquilamente unha vaca de Helios, o Sol, que os famentos homes de Odiseo mataron, causando deste xeito a súa morte. E, á dereita, as terribles Escila e Caribdis agardan a súa quenda para causar aínda máis desgrazas ao noso heroe.
Con esta imaxe desexámosvos un bo verán, con tantas viaxes e aventuras coma as de Odiseo (aforramos as tempestades e naufraxios, que estamos en crise). A César desexámoslle que lea moitos libros de mitoloxía, de Gerónimo Stilton e do que lle cadre, que xogue moito e que pinte moitos debuxos coma este.

25/05/10

GRAN DESFILE DE MODA CLÁSICA

O IES de Melide está a convertirse nun centro de moda. Nesta semana e a seguinte ofreceremos un desfile de modelos que na súa primeira parte mostará creacións das alumnas de Deseño de 2º de BAC realizadas con materiais reciclabeis. Remataremos con moda romana e grega: peplos, quitóns, togas, clámides... e todo tipo de vestimenta da nova tempada primavera-verán. Olla datas e horarios

VENITE, VENITE IN POMPAM ROMANARUM ET GRAECARUM VESTIUM!!

24/05/10

FELIZ VIAXE A ITACA


Se vas emprender a viaxe cara Itaca
pide que o teu camiño sexa longo,
cheo de aventuras, cheo de coñecementos...


Así comeza o famoso poema de Kavafis que nos fala da viaxe concibida coma unha metáfora da vida, un continuo percorrido por camiños que nos leva á aprendizaxe. Dende hai uns anos ven sendo unha tradición (pouco orixinal, por certo) despedir con este poema aos nosos alumnos/as que van deixar o instituto, para recalar noutros portos.
Sempre é un momento emotivo despedir a aqueles cos que compartimos moitas horas ao longo destes anos. Neste curso, ademais das alumnas de GREGO II, o departamento de grego impartiu Atención Educativa en dous cursos de 2º, de BAC. O feito de que esta materia non fose avaliable non impediu que non aproveitásemos o tempo, vendo películas interesantes, falando de temas de actualidade relacionados coas películas (e de paso repasando algo de historia contemporánea...), de temas cotiás que nos preocupan... A resposta xeral do alumnado foi moi boa, se ben a materia, polas súas características, podía prestarse ao abandono e ao desinterese. Grazas a todos eles por todas estas horas en común.
Pero, personalizando xa, quero despedir de xeito moi especial a Alba, Xisela, Lorena e Fátima, as alumnas de Grego II con quen pasei moitas horas no departamento de grego e, en anos anteriores, nas aulas. Hai pouco lin nunha novela de Coetzee algo sobre a paradoxa de ser profesor, xa que é el quen aprende e quen non é capaz de ensinar nada. No meu caso teño que darlles as grazas por ensinarme tantas cousas, e oxalá que non se cumpra a segunda parte da paradoxa e eu pudese aportar algo á esa súa viaxe. Considérome moi afortunada por poder "gañar o pan" facendo algo que me gusta tanto e recibindo tanto das miñas alumnas... (ás veces penso que son eu a que debería pagar...)
Só me queda desexarlles que cheguen a portos novos e "adquiran fermosas mercancías, nácaras e corais, ámbares e ébanos e perfumes deliciosos de todo tipo". Grazas por este cachiño de camiño xuntas.

14/05/10

A nosa viaxe a Tarraco e Saguntum

Por fin, cando xa casi vai facer un mes que saímos a facer o noso precorrido pola Tarraconensis, publicamos a nosa reportaxe fotográfica. O recordo de esa semaniña axudaranos na nosa costa de fin de curso.

17/04/10

O IES DE MELIDE FAI UN PACTO DE HOSPITALIDADE COA DOMUS BAEBIA SAGUNTINA


Tal como fomos anunciando, achégase a data da nosa viaxe a Tarragona e Valencia. Aínda que faremos outras cousas interesantes nestas cidades -como visitar a Tarragona e Valencia actuais, a Cidade das Artes de das Ciencias- centrarémonos na romanización, estudando a antiga Tarraco, o Saguntum romano e participando nos Ludi Saguntini... que para iso somos de cultura clásica!!
Estamos desexando participar nos talleres dos Ludi e na representación do Miles Gloriosus e xa temos os nosos peplos, quitóns, túnicas, togas... preparados. Como estamos encantados co traballo e facilidades que nos deu a Domus Baebia Saguntina, organizadora deste gran evento, queremos entregarlle unha tessera hospitalis como mostra de afecto, inspirándonos no modo de facer pactos de amistade os pobos romanizados da Gallaecia. Gonzalo Fernández, o profe de Plástica, axudounos copiando a famosa Tessera Hospitales do Courel, que está no museo de Lugo, e nos adaptamos o texto latino. Velaí tedes o orixinal (fotografía de Álvaro P. Vilariño), para poder apreciar mellor o magnífico traballo de Gonzalo.
E si queredes máis detalles da nosa viaxe, podes consultar a nosa guía. VALETE!!

08/04/10

MODA CLÁSICA: NOVA TEMPADA PRIMAVERA-VERÁN


A pesares de que o tempo se nos resiste e non da marchado o inverno, xa é primavera en Aspasia. Velaí toda unha ampla gamma de modelos que poderemos lucir proximamente nos Ludi Saguntini, na representación do Miles Gloriosus no teatro romano de Sagunt.
E que non queda case nada para a nosa viaxe a Sagunt e Tarraco!!!. Esta vai ser unha auténtica viaxe no tempo: escoitar unha obra en latín nun teatro romano e vestidos de romanos.
E para que a nosa participación estea á altura do acontecemento, estamos a estudar na aula como vestían os antigos gregos e romanos. Xa levamos un cantos "talleres" ensaiando diferentes modelos con teas, e a verdade é que non parecen complicados e son bastante lucidos.
Aínda que non imos todos a Sagunt, a gran maioría si imos usar o traxe de romano/a en máis ocasións, como na gran festa romana "Arde Lucus" a finais de xuño en Lugo.
Veña, conseguide xa a tela que non queda moito tempo e aínda temos moito que facer.

16/03/10

OS MÁRMORES DO PARTENÓN NO MUSEO BRITÁNICO

Hoxe saiu para Londres un grupiño de alumnas do IES de Melide acompañadas por Natalia, a profe de plástica, e David, profe de música ademais de xefe de estudios. O programa de actividades está moi apretado: museos, un montón de exposicións, musicais, concertos... Pero dende o recuncho das clásicas trataremos de convencelos para que fagan un oquiño e vaian ao British Museum a ver, entre outros mil tesouros arqueolóxicos, os mármores do Partenón. Esta visita suporía un final de percorrido para algúns dos participantes como Patricia, David ou Natalia, que estiveron en Atenas e viron o Partenón cos mármores que se salvaron do robicio de Lord Elgin. Para os outros pode supoñer un comezo e ver o que falta en Atenas o próximo ano.
Como chegaron estes mármores ao museo británico é parte da historia do Partenón, chea de guerras, ocupacións e expolios, que podedes ler con detalle no documento que adxuntamos e que nos ilustra neste vídeo Kostas Gavras

Tamén podedes visitar a web Marbles Reunited, que vos dará máis información sobre este tema.
Ánxela, Raquel e Cristina, alumnas de cultura clásica este ano, son as encargadas de repartir material para visitar estas esculturas no museo e despois poderán facer un post en Aspasia contándonos as súas experiencia. Disfrutade moito!!!
Os mármores do Partenón no Museo Británico

09/03/10

TEATRO CLÁSICO EN LUGO



Unha vez máis o IES de Melide non faltou á cita co Festival de Teatro Grecolatino que organiza a SEEC en Lugo cada ano.
Saímos a primeira hora e comezamos a nosa xornada en Lugo cunha visita ao Centro de Interpretación da Muralla. Era á primeira vez que íamos a este pequeno museo e gustounos moito, xa que mediante unha serie de vídeos e pantallas interactivas explicaba de xeito eficaz e breve a historia da muralla e o seu papel na cidade de Lugo ao longo dos tempos. Cando vimos un dos vídeos a algúns chamounos a atención que, pese a estar todo o vídeo en galego, as declaracións de dous arqueólogos municipais lucenses fosen en castelán. Nas súas intervencións sinalaban a importancia de conservar a muralla, patrimonio da humanidade dende o ano 2000. É mágoa que os que se preocupan por preservar a nosa herdanza non reparen en que é igual de importante (ou máis) conservar a nosa lingua, patrimonio inmaterial e sinal de identidade.
Ás 12.00 acudimos ao auditorio Gustavo Freire para asistir á representación das Asembleístas de Aristófanes a cargo do grupo Párodos do IES Siberia Extremeña. A súa posta en escena, orixinal e algo libre con respecto ao texto de Aristófanes, fíxonos pasar un bo rato coa súa boa interpretación cómica e as danzas e cantos dos seus coros. A protagonista, Praxágora, ademais de boa actriz, resultou toda unha revelación como cantante.
Pola tarde o grupo Parrocha, herdeiros do grupo Sardiña (toda unha referencia en teatro clásico), representaron As Troianas, traxedia de Eurípides. A súa coidadísima posta en escena e a súa representación maxistral foron que de transmitir ese πάθος ou paixón que transmitía a traxedia grega, conseguindo unha auténtica catarse ou liberación dalgúns dos que asistimos, ademais de conseguir impor coa súa interpretación un ambiente de recollemento.
En resumo, unha xornada estupenda na boa compaña dunhas alumnas e alumnos que saben estar e comportarse e aproveitar ben (?) actividades coma esta.

23/02/10

O dedo de Aznar e a incultura clásica de Feijóo

A semana pasada, concretamente o 18 de febreiro, o expresidente Aznar facía este xesto a un grupo de estudantes da Universidade de Oviedo que o recibían dun xeito pouco cariñoso. Non imos entrar a valorar esta resposta nin ao seu protagonista, porque pouco ou nada ten que ver coa cultura clásica, obxecto do noso blog.
O que si que nos chama a atención foron as declaracións do presidente autónomico de Galicia, onde trata de xustificar a reacción do seu correlixonario, o sr. Aznar, argumentando que este xesto xa se facía no mundo grego e romano, berces da nosa civilización:


Sabemos que o sr. Feijóo nunca vai ler este artigo, pero gustaríanos comentarlle un par de cousas.
En primeiro lugar, é certo que este xesto é moi antigo e aparece documentado en textos clásicos. Ben o saben varias xeracións de rapazas e rapaces que cursaron grego en 2º de BAC, xa que ata o ano pasado, tiveron como lectura obrigatoria As Nubes de Aristófanes. Nesta obra o vello Estrepsíades, un paleto que tenta aprender retórica para defenderse nun preito, ergue o dedo medio (v. 654) para explicarlle a un parodiado Sócrates que coñece o dáctilo (palabra con dobre sentido en grego:"dedo" e nome dunha unidade métrica). Este xesto provocaba as risas do público xa que na antiga Grecia tiña exactamente o mesmo significado obsceno que para nós.
En segundo lugar, sr. presidente, certo é que Grecia e Roma son o berce da nosa civilización e o seu legado é incuestionable (algúns vivimos de transmitilo!); pero tamén tiñan os seus defectiños: eran escravistas, defendían a pena de morte, a tortura, o terrorismo de estado, privaban dos dereitos elementais ás mulleres... Afortunadamente nalgúns aspectos superámolos e progresamos.
A súa argumentación, á parte de simplista, é perigosa. Que lle parecería que os alumnos dun centro de ensino o recibisen cun saúdo tan clásico coma este?. No noso instituto, en concreto, facer este xesto na aula pode supoñer unha expulsión inmediata, segundo o Regulamento de Réxime Interno.
E xa para rematar, sr. Feijóo, dáse conta da importancia da cultura clásica? Dende este modesto espazo instámoslle a que inflúa na Consellería de Educación para que esta materia poda ser cursada nos dous cursos de ESO, 3º e 4º, coma sucedía coa LOXSE, xa que agora coa LOE só se pode cursar un ano. É evidente que o coñecemento do mundo clásico é fundamental para que os nosos alumnos/as poidan argumentar con coñecemento de causa se é que algún día chegan a ser persoeiros públicos.

04/02/10

MORDENDO AS UNLLAS NO CONCURSO ODISEA


Despois de tres días respondendo as preguntas do concurso Odisea, organizado pola SEEC, hoxe estamos desesperados co famoso preguntón do cuarto día. Buscamos ese personaxe dunha comedia grega co seu nome en latín, que ademais debe ter 12 letras, para colmo de males non controlamos a nin inicial, xa que na 1ª pregunta hai varias posibilidades ¡¡que difícil!! (Ata nin o atopa a profe!) Hai algúns que xa están a punto de abandoar, pero sabemos que noutros centros xa o atoparon, e iso dános ánimo. O caso é que aínda que ao día seguinte os de 3º de ESO teñen exame de bioloxía ou os de BAC foron toda a mañá de excursión, aquí estamos dando o caio arredor de 30 rapaces e rapazas, moitos incluso quedaron aquí a comer unha pizza para non perder tempo. Ata algún de ciencias se achegou a botar unha man e participan antigas alumnas de cultura clásica que agora están en ciencias. A ver a que hora saímos hoxe de aquí. O ano pasado un equipo do IES de Melide conseguiu chegar á final, que pasará este ano?, conseguiremos chegar á final en Compostela?

29/01/10

O CULTO AO SEXO NOS TEMPOS DE HOMERO

Con este título sensacionalista o xornal El País infórmanos, na súa sección de cultura, dunha exposición sobre Eros ( Ἔρως, o amor) que acolle o Museo de Arte Cicládica en Atenas ata o 5 de abril. En realidade o título da exposición é "Eros dende a Teogonía de Hesíodo ata a antigüidade tardía". O título do xornal pretende ter tirón (e o certo é que servidora acudiu enseguida) porque xunta dos termos ben coñecidos: sexo, sobre todo, e Homero, que debe ser o escritor grego máis coñecido pola maioría (ou minoría...); aínda que é certo que as obras homéricas non destacan, precisamente, polo seu culto ao sexo. Hesíodo é un poeta posterior a Homero, e na escolla do título os organizadores da exposición mostran un matiz cronolóxico importante en canto á documentación dos 280 obxectos que se nos amosan, datados entre os s. VI a IV a. C.
Os antigos trataban os temas amorosos cunha tolerencia e naturalidade descoñecidas en moitas sociedades actuais. O amor físico representábase frecuentemente de forma explícita, sen ter por elo carácter pornográfico. Na exposición podemos ver, polo tanto, todo tipo de escenas amorosas e xogos eróticos, e por este motivo os menores de 16 anos deben ir acompañados por un tutor ou profesor. O día dos namorados falaremos máis deste deus Eros tan poderoso, arrollador, invencible..., pero mentres, podes ver un resumo da exposición premendo na imaxe.


14/01/10

De la Ilíada de Rachel Bespaloff


Un días antes de Nadal recibín un paquetiño no instituto e pensei que sería, como de costume, un libro promocional dalgunha editorial. Cal non sería a miña sorpresa cando ao abrir o sobre atopei o libriño De la Ilíada de Rachel Bespaloff, en editorial Minúscula, acompañado dunha pequena carta de Zeltia; entrañable compañeira, exalumna e estudiante de filosofía na Autónoma de Barcelona. Que sorte a nosa, a dos profes, que sempre estamos aprendendo cousas novas e que satisfacción tan grande cando é dos nosos propios alumnos!!. Ademais, o feito de que a alguén lle sigan interesando os clásicos anos despois de telos visto no instituto é o mellor premio que pode recibir unha profe de grego.
E despois desta introducción, imos deixar gabarnos para falar do libro. Rachel Bespaloff (1895-1949) naceu en Bulgaria no seno dunha familia de intelectuais xudeus. Despois de pasar a súa infancia en Kiev e cursar estudios de música e danza en Xenebra, instalouse en París, onde frecuentou ao filósofo Léon Chestov, e comezou a escribir baixo a influencia do seu pensamento. Publicou estudios sobre Heideger e Kierkegard na Revue Philosophique. En 1942, fuxindo da invasión nazi de Paris, exiliouse coa súa familia a EEUU, onde morreu en 1949.
De la Ilíada é un pequeno ensaio onde Bespaloff móstranos a súa visión da guerra, destacando o papel da poesía, única forza reparadora da xustiza e capaz de humanizar aos adversarios que van enfrontarse. O estudo que fai dos trazos heroicos dos principais personaxes (Héctor, Aquiles, Helena...) é verdadeiramente interesante e ameno, e pode ser unha importante fonte bibliográfica para o estudio da épica homérica en 2º de BAC. A nosa autora fai tamén un estudo comparativo da Ilíada con grandes obras épicas da literatura universal como Guerra e Paz de Tolstói ou con textos sagrados como a Biblia.
En fin, magnífico regalo, grazas Zeltia

13/01/10

Concurso Odisea de novo


A ver si comezamos este novo ano poñéndonos as pilas e, tal como falamos en clase, acabamos de decidirnos a formar os grupos para participar no concurso Odisea 2010. Como xa sabedes moitos este é un concurso on line organizado pola SEEC (Sociedade de Estudios Clásicos) de Galicia. Terá lugar a primeira de semana de febreiro e está previsto que no noso insti participen alomenos unha ducia de equipos, incluídas algunhas veteranas do ano pasado, que conseguiron chegar a fase final (a pesares de que este ano non están matriculadas en ningunha mateira de clásicas!!)
Pois ben, para que vaiades entrenando, aquí está un resumo das preguntas que caeron nos anos anteriores, para que vaiades practicando. Certo é que na páxina da SEEC podedes consultatalas, pero xa me encarguei de borrar as respostas (he, he...)

Preguntas do Concurso Odisea
E si non queredes facer trampa de verdade, non vale entrar, tampouco, ás páxinas da SEEC a buscar as respostas. Aquí volas deixo, para que non desesperedes. Ánimo e Καλό Ταξίδι!